(Artigo dun dos asinantes iniciais do manifesto Derradeira Chamada, Antón Sánchez, labrego e membro de AGE no Parlamento de Galiza.)
Testemuño dun labrego galego:
«En 2008 houbo unha folga de transportistas que impediu a chegada de camións de fóra de Galiza. Pasou un día, aínda había stock na cámara. Pasaron dous días e comezaban os nervios. Ao terceiro día os xefes de compras das grandes distribuidoras chegaban aos nosos invernadoiros suplicando pola mercadoría, que normalmente desprezaban porque outra chegaba en camións de fóra do país.
Esa imaxe valeume máis que todas as estatísticas sobre a dependencia alimentaria de Galiza, estatísticas que din que todos os anos, galegos e galegas pagamos millóns de euros por alimentos que non somos quén de producir, nun país onde as terras de cultivos se abandonan constantemente.»
O sistema alimentario non é alleo ás lóxicas capitalistas no seu funcionamento. Do mesmo xeito, a nivel mundial, prodúcese unha crecente e xigantesca concentración localizada na gran distribución e na agroindustria, á costa da explotación dos traballadores, labregos e labregas, e da expoliación intensa e agresiva dos recursos naturais. E cada vez, estas dúas cuestións, son máis salvaxes na carreira tola dun sistema zombie.
A primeira das últimas chamadas é, a do cambio dun sistema alimentario industrializado, insostible, explotador e extremadamente dependente do petróleo, por un sistema de agricultura local, agroecolóxico, racional, relocalizado, san e non contaminante.
O sistema alimentario capitalista non resolveu o problema da fame, que é un problema de reparto e non de producción, pero si é un dos maiores responsables do quecemento global, e da insostenibilidade do sistema.
Cando falamos da agricultura dun país, como o xeito dunha comunidade de organizarse para producir a alimentación necesaria para a súa poboación, falamos dun proceso lento, pesado, de acumulación de saberes, de esforzos, de inversións (incalculables). Falamos do avance lento da maquinaria pesada.
O capitalismo é vertixinoso, áxil.
Dous ou tres anos de dumping son capaces de destruir a agricultura dun país, que costou anos levantar. Sobran os exemplos. O libre mercado, invocando á liberdade, eliminar “barreiras”. Eliminar barreiras para que entre o lobo a darse un festín.
Que significou ésta suposta liberdade?: para os consumidores, que comemos o que determinan cada vez menos empresas; para os labregos, explotación e subordinación ás agroindustrias e distribuidoras; e para o medioambiente, unha contaminación aberrante e sen sentido. En mans dunhas poucas multinacionais estabelécese o que se cultiva, de qué maneira, o que mercamos e en consecuencia o que comemos.
O chamamento á liberdade, cando provén do neoliberalismo, acaba sendo a ditadura das grandes multinacionais, que nos quitan ate o sabor dos alimentos.
A competencia que destrúe agriculturas locais con produtos chegados dende miles de kms a prezos baixos ten tres variables que o fan posible: a explotación/escravismo de quen produce, a explotación insostible das terras e recursos naturais e as subvencións dos países ricos para destruir as agriculturas do terceiro mundo. Non é posible doutro xeito.
Por motivos puramente económicos os alimentos viaxan miles de kilómetros aínda que poidan ser fácilmente producidas ao lado do consumidor, sen seren precisos grandes traxectos de transporte. Aínda que hai moito que coñecemos métodos respectuosos de producción agraria, o cálculo económico capitalista envelena as augas e contamina os solos.
A humanidade produce máis alimentos que en toda a súa historia pero o 10 por cento das persoas sofren fame severa (outro dez por cento aproximadamente ten problemas de obesidade). O problema non é producir máis, senon producir doutro xeito, e a pesar diso seguimos a apestar o aire, a implementar métodos de producción que contaminan e producen enfermidades.
E todo este castelo de naipes aberrante esborrallarase en canto falte petróleo, porque este sistema alimentario é extremadamente dependente dos combustibles fósiles, na súa producción e distribución.
O sistema négase a tomar calquera decisión consciente sobre cales medios de producción, transporte e comunicación serían máis axeitados e cales son perxudiciais ou simplemente innecesarios.
Se hai unha última chamada urxente é a de dicirmos que hai que relocalizar a alimentación perto do consumo, que hai que racionalizar en función das necesidades humanas o sistema alimentario, que os pobos teñen que conquistar a soberanía alimentaria.
Ten que haber máis leiras nas cidades e na súa contorna, na mesma medida que ten que haber máis xente nas aldeas e nas vilas.
É urxente facer políticas do interese xeral pola liberdade e o dereito a alimentarse san e sen contaminar.
A primeira das últimas chamadas é facer políticas para protexer a agricultura familiar, o pequeño comercio, as nosas sementes, o establecemento da alianza labreg@s-consumidor@s, contra a ditadura na alimentación.
Máis perto, máis limpo, máis san, máis xusto.
«O sistema alimentario capitalista non resolveu o problema da fame, que é un problema de reparto e non de producción»
Pode ser o caso na actualidade, polo que as cifras parecen dicirnos, pero como xa temos advertido algúns, despois dos combustibles fósiles ao problema do reparto desigual e inxusto engadirase unha pura e dura escaseza de produción de alimentos.
…E vai sendo hora de admitilo no discurso político e social.
Me gustaMe gusta
Despois dis: «O problema non é producir máis, senon producir doutro xeito». Agora pode que o problema non sexa producir máis, pero cando xa non quede outro xeito de producir que o non-industrial, non-fosildependente… entón si que xordirá o problema de producir máis, pois sen insumos de orixe fósil é moi improbable que poidamos producir tantos alimentos como agora e alimentar máis de 7 mil millóns de bocas, cando nunca antes do emprego masivo destes combustibles fósiles deu a humanidade sobrepasado os mil millóns. De novo, remítome á miña análise en «Nosotros, los detritívoros».
Me gustaMe gusta
«A competencia que destrúe agriculturas locais con produtos chegados dende miles de kms a prezos baixos ten tres variables que o fan posible: a explotación/escravismo de quen produce, a explotación insostible das terras e recursos naturais e as subvencións dos países ricos para destruir as agriculturas do terceiro mundo. Non é posible doutro xeito.»
Aínda que se pode entender dentro da «explotación insostible… dos recursos naturais» que ti mencionas, eu sería máis explícito en agregar o factor da «dispoñibilidade abundante de combustibles e outros insumos de orixe fósil», comezando polo gasoil, e rematando polos fertilizantes sintetizados grazas ao gas natural. Entender isto é vital para comprender que a loita pola soberanía alimentar e pola produción local e ecolóxica de alimentos non é tan só unha cuestión de diferentes políticas posibles, senón de mera supervivencia. Non é que loitemos contra un sistema inxusto ou malsán, senón que loitamos por ter que comer nun mañá non moi lonxano nós e mais os nosos fillos.
Me gustaMe gusta