Un bosquexo de estratexias posibles: Estratexia franca dura (o risco de espertar unha sociedade sonámbula)

(O seguinte texto está formado por dous fragmentos extraídos do libro de Manuel Casal Lodeiro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, actualmente en fase de financiamento popular e que verá a luz a comezos do mes de decembro, e do que tamén existe proxecto de editar versión traducida ao castelán. Atópanse no cap. 6 “Escenarios e estratexias da esquerda fronte ao colapso”.)

Un bosquexo de estratexias posibles

esquerda-colapso-manuel-casal-lodeiro-capa-480x681A continuación hei trazar as liñas básicas das posibles estratexias políticas e comunicativas que entendo teñen as esquerdas diante desta tesitura histórica. Por suposto que serán incompletas e que fóra delas poden existir máis posibilidades que eu non contemplo, e que mesmo se poderán dar mesturas das que aquí, por facilitar a súa análise, presento se cadra como demasiado disxuntivas. Pero, aínda así, espero que resulten útiles sobre todo para as organizacións de esquerdas que participan nos mecanismos electorais.

Por suposto que deberemos contar con que certos pasos dados no sentido que vimos reclamando polos partidos —ou por determinados líderes dentro deles— non sexan de todo sinceros e se xustifiquen máis ben polo oportunismo, pola moda, polo quedar ben sen que custe nada con determinados sectores activistas minoritarios pero percibidos como vangardistas, por acadar un certo pico de popularidade nas redes sociais de Internet nun momento puntual ou de vez en cando… pero nós como movementos sociais tamén podemos aproveitarnos dese xogo, en calquera caso, e agarrarnos a eses pasos que dean —sinceros ou non, consecuentes ou non— para lles esixirmos dar novos pasos, para expormos pública ou privadamente as súas incoherencias e tentar forzar que o mero xesto ou pose se transforme, progresivamente, nalgo máis. Verei máis adiante (no apartado Un difícil proceso cheo de contradicións) que debemos partir da consciencia de que a transformación que estamos a demandar non consiste nun salto discreto senón nun proceso continuo cara a unha progresiva coherencia e profundidade.

Seguramente deberiamos diferenciar as estratexias segundo a forza política de esquerda estiver no goberno ou na oposición, pero por simplicidade non farei esa distinción en xeral nin a priori. Que dúbida cabe de que unha forza no goberno conta con mellores resortes para pór en marcha calquera delas, sobre todo na medida en que controle os medios de comunicación públicos e poida levar a iniciativa política no país. Notarei tamén que en todas elas a referencia de fondo do xa devandito efecto Carter é inevitable: quen levar unha mensaxe de sacrificio social ao electorado daralle pé á máis que segura mensaxe contraria por parte dos seus opoñentes electorais e exporase a unha probable perda inmediata de apoios no electorado.

Clasificarei as estratexias da seguinte maneira:

a) Estratexia franca:
a.1) Estratexia franca dura.
a.2) Estratexia franca ilusionante.
b) Estratexia progresiva.
c) Estratexia hipócrita por necesidade:
b.1) Estratexia criptoderrotista.
b.2) Estratexia pasivo-facilitadora.
c) Estratexia liquidadora do Estado.
d) Negacionismo.

Estratexia franca dura: o risco de espertar unha sociedade sonámbula

Esta estratexia consistiría en dicirlle claramente a verdade á xente, pintarlles a situación civilizatoria como é en realidade, sen remilgos e en toda a súa crudeza. Esta estratexia é, sen dúbida, moi arriscada, comezando polo xa devandito efecto Carter, e polo tanto é moi pouco verosímil que ningún goberno a adoptar, e moito menos unha forza na oposición, que renunciaría con ela a un camiño máis rápido ao poder que podería estar ao seu alcance se agachar a verdade, optando en troques por un camiño máis lento, duro e inseguro, se optar pola franqueza. Pero o temor a perder as eleccións por non aceptar o electorado unha mensaxe tan chocante non é o único: tamén exitiría moi probablmente un temor previo a ser mallados polos contrincantes políticos durante o debate parlamentar e nos medios de comunicación, mesmo empregando argumentos clásicos da esquerda contra a formación que asumise esta estratexia franca dura. Isto é: o feito de que non abondase simplemente con asumir unha visión do colapso e un discurso consecuente, senón que fixese falla saber defender moi ben eses argumentos, constitúe unha das principais dificultades deste tipo de estratexia. E as cabezas visibles dos partidos están habituadas a outro tipo de discurso e habían sentirse con toda probabilidade moi inseguras mudando tan radicalmente de argumentos no combate ideolóxico e, sobre todo, mediático. En consecuencia, canto maiores foren as probalidades que tiver unha forza de chegar ao poder co seu discurso actual, máis difícil lle ha resultar cambiar de discurso dunha maneira tan radical. Aínda así, non me resisto a explorala mediante unha especie de microrrelato de política-fición que narraría as fases da posta en práctica desta estratexia por parte dun suposto partido de esquerdas:

  1. O debate interno e as influencias da comunidade científica e dos movementos conscientes do colapso conseguen que unha forza de esquerdas con posibilidades de gobernar, opte por falar claro sobre o colapso, sen edulcorar un chisco a situación.
  2. Nos medios de comunicación e nos seus encontros con outros movementos sociais, sindicatos e electorado en xeral comezan a falar do colapso, de que a crise non vai rematar nunca e de que o Estado do Benestar non pode manterse. Explican a urxencia dun cambio de civilización, de cultura, de valores, propoñen unha gran redución no consumo enerxético e de materiais, etc. etc. Incorporan, consecuentemente, a maior parte de medidas que temos proposto desde organizacións como Véspera de Nada, ao seu programa electoral.
  3. Tras o estupor inicial, comeza a lapidación pública nos medios de comunicación maioritarios. Os partidos rivais de dereita cualifícanos de tolos e acúsanos de irresponsables, de espantar o capital e de facer o ridículo. As outras alternativas de esquerda frotan as mans ante a perspectiva de recoller os votos que con toda seguridade esta formación colapsista vai perder, e abondan nas mensaxes tradicionais de esquerda clásica: medidas keynesianas, volver ao crecemento, Green New Deal, etc. Con todo, o eco mediático dado á mensaxe é enorme e os debates acalorados. O Decrecemento e outras propostas cobran un interese nunca visto, aínda que for para as deostar e desacreditar. A maioría da poboación escoita falar por primeira vez, entre o ruído, dos conceptos de colapso, de fin do crecemento, etc. Convértese, durante un tempo, no tema de moda en todas as tertulias nos medios e na rúa. Parte da xente intúe que no fondo, pode que sexa certo iso do colapso.
  4. O rebumbio mediático alcanza proporcións internacionais. Reciben apoios entusiastas dos movementos máis conscientes de todo o mundo, aínda que xorde o escepticismo sobre o resultado. Escríbense numerosos artigos na prensa internacional, mesmo algúns de apoio que parte do ámbito da filosofía, a teoría política, a ciencia, o activismo social e os pobos indíxenas. Numerosos medios internacionais solicitan entrevistar aos líderes da formación colapsista. Chegan a realizarse concentracións de apoio en diversos países e xorden movementos de solidariedade e apoio permanente. Emporiso, fálase maioritariamente de que a formación cometeu un suicidio político.
  5. Malia o brusco espertar en numerosas persoas e de certos colectivos que recoñecen que este partido está no certo, critícanse as formas en que se comunicou e hai numerosos abandonos na formación. Destacados líderes son cooptados por outras formacións da esquerda clásica.
  6. Nas seguintes eleccións, a formación apenas consegue unha fracción da representación esperada antes da súa viraxe colapsista, pero aínda así logra facerse cunha presada de escanos no Parlamento grazas ao voto dos previamente convencidos e a unha pequena minoría de cidadáns conversos. Prodúcense novas escisións e abandonos. A dereita consegue gobernar, ou quizais unha opción socialdemócrata neokeynesiana ou unha coalición heteroxénea do BAU.
  7. Durante unha lexislatura de exacerbado conflito social, e de progresivo deterioro da economía e da dispoñibilidade enerxética, a formación continúa liderando unha visión alternativa na oposición, agora con menor eco na maioría dos medios, que os trata coma a parias, coma a zombis políticos.
  8. Paralelamente á súa acción de oposición decrecentista no Parlamento, a formación avanza na súa implicación e apoio a iniciativas de resiliencia e transición, que experimentan unha modesta aceleración grazas ao eco mediático logrado previamente ás eleccións por estes conceptos entre o gran público.
  9. A evolución da situación enerxética e económica vai dando a razón á formación suicidada, que malia xa non contar coa presencia mediática anterior, conseguira sementar a información suficiente en forma de memes moi concretos e ben deseñados, que non poden ser varridos polo bombardeo desinformativo liderado polo goberno e polas elites. O descrédito destes aumenta vertixinosamente, e con el, a sensación de estafa civilizatoria. Namentres, o prestixio social da formación colapsista aumenta, ao intuír a poboación que a súa mensaxe tiña fundamento e ao se comezar a percibir rapidamente os froitos sociais das iniciativas de transición nas que participan.
  10. Convócanse novas eleccións nun clima de importante caos social, económico e con restricións enerxéticas. Segundo as enquisas menos manipuladas, a formación decrecentista recobra, case sen acceso aos medios, as expectativas anteriores de goberno ou mesmo as aumenta, grazas ao afundimento dos partidos do sistema, cuxo apoio social cae estrepitosamente. Xorden formacións novas de extrema dereita que tentan aproveitar a situación e o absoluto descrédito das formacións clásicas. Fálase de ameaza de ilegalización e de golpe militar.
  11. ..?

En definitiva: a carambola política non parece imposible pero en todo caso é moi arriscada. En primeiro lugar porque supón o sacrificio dun tempo valiosísimo, en espera desas últimas fases; e, en segundo, porque o xoga todo á carta dun masivo rebote nos apoios nas seguintes eleccións, e calquera pequena demora dun ano ou dous na chegada dos peores impactos do Peak Oil ben podería levar ao traste o plan e deixalos totalmente fóra do Parlamento, perdendo así o escaso eco que conservaren para entón. E, finalmente, porque podería contribuír indirectamente a un auxe fascista.

En todo caso, convido a pensar nalgo: ata o punto 4 parece unha sucesión de fases bastante probables, unha vez de que o punto 1, con diferenza o máis difícil, se dea posto en marcha e unha formación con alta posibilidades de gobernar dea semellante viraxe ideolóxica e estratéxica. Chegados a ese punto, a extensión mediática da cuestión do colapso civilizatorio pode xa ser imposible de deter —malia todos os condicionantes en contra dos preponderantes formatos televisivos, por exemplo— e, como nunha reacción en cadea, pór en marcha transformacións políticas imprevisibles en todo o mundo, que poderían realimentarse por vías inesperadas ata chegar, en relativamente pouco tempo, a unha masa crítica suficiente para a revolución planetaria que precisamos. A Dinámica de Sistemas e mais a Teoría do Caos, alentarían a factibilidade deste tipo de avances non liñais. Así, aínda que fracasase a estratexia no lugar concreto onde se tentar, coa morte política desta formación podería espallarse por todo o mundo a semente —ou ben nutrirse sementes xa agromadas— de proxectos cunha alta potencialidade revolucionaria.

Outra cuestión que coido de interese salientar con respecto ás estratexias francas é que poden partir dunha dupla motivación, alén das vantaxes xa comentadas. En primeiro lugar, a xente, se está farta de algo neste intre histórico, é das mentiras desde o poder, ben sexa en forma de corruptelas diversas, falta xeral de transparencia, ou manipulacións burdas e asasinas estilo as armas de destrución masiva de Sadam Hussein. Sobre todo desde a aparición de Wikileaks, xa nada volverá ser o mesmo neste sentido: a confianza do electorado nos seus representantes está ferida de morte, atreveríame a dicir. Por iso, apostar por unha estratexia política —sexa para o que for— que parta dunha inmensa mentira ou ocultamento ao público (é dicir, as estratexias que denomino hipócritas), non parece algo precisamente moi acaído e pode facer que o tiro mesmo saia pola culata.

En segundo lugar estaría o feito de que agachar a gravidade —ou mesmo a propia existencia— do problema implica cederlle a primicia á estrema dereita, deixando que sexan outras forzas as que —obviamente no seu propio interese—, lle expliquen á sociedade o colapso, as súas causas e consecuencias. Iso semella un xogo especialmente perigoso. Unha vez de que somos conscientes de que o colapso vai chegar, deixar de dicilo significa permitir que outros se adianten, e xa sabemos, grazas ás ciencias de manipulación mental do marketing, que o primeiro que sementa un concepto novo na consciencia social é o que ten máis posibilidades de determinar a configuración dese concepto a longo prazo na maior parte da sociedade: a primeira impresión é a que conta, poderiamos dicir, tamén no caso do Peak Oil e o colapso da civilización. Por contra, calquera tipo de estratexia franca, polo que aposta é por rachar para sempre a ignorancia, a inxenuidade da poboación con respecto a cómo funciona o metabolismo da civilización industrial, de maneira que outros non poidan chegar con discursos opostos para daren reconstruído a fe no progreso infinito e outros mitos dos que viñemos falando. Unha esquerda política disposta a isto, asume o heroico e á vez tráxico papel de destrutores de mitos acougadores, e polo tanto recupera en boa medida o mellor carácter científico da tradición da esquerda e da Ilustración. Pase o que lle pasar electoralmente a esta formación de esquerda despois de lanzar tal mensaxe, o obxectivo derradeiro e máis importante fica feito: espertar dunha vez á sociedade, vacinala contra calquera manipulación ideolóxica, política ou cultural que tentase vir despois reintroducir o paradigma suicida do crecemento e da dominación do Homo sapiens sobre a biosfera. Como veremos a continuación, esa terrible mensaxe que saque á xente do seu vagar sonámbulo cara ao precipicio, pode tamén modularse para producir unha motivación positiva, ilusionante.

2 comentarios en “Un bosquexo de estratexias posibles: Estratexia franca dura (o risco de espertar unha sociedade sonámbula)

  1. Envío este enlace que he leido y resumido: Por resumirlo brevemente, las islas de Sumatra y Kalimantan

    Un resmen: las islas de Sumatra y Kalimantan (Borneo) llevan en llamas semanas echando a perder una valiosísima naturaleza, llena de selvas, fauna y flora autóctona y dañando la salud de millones de personas tanto en Indonesia como en los países de alrededor. Ya hay decenas de fallecidos por inhalación de gases, colegios y escuelas cerrados desde hace meses incluso en Singapur, se estima que habrá millones de personas con problemas respiratorios y a día de hoy sigue sin mejorar la situación.

    http://iniciativadebate.org/2015/11/10/el-mayor-desastre-ecologico-del-siglo-y-por-que-no-sabias-que-
    estaba-sucediendo/

    Me gusta

  2. Pingback: Dándole otra vuelta al «efecto Carter» – De(s)varia materia

Deja tu comentario o adhesión al manifiesto | Leave your supporting comment | Pour signer le manifeste laissez un commentaire | Überlasse dein Kommentar oder Einstimmung mit dem Manifest | Άφησε το σχόλιο σου ή την υποστήριξή σου στο μανιφέστο

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s