Enrique Pérez Lijó: O Estado fronte o Decrecemento

(Outro dos asinantes iniciais, o sociólogo e militante do Partido da Terra e do Projecto Integral Corunha, Enrique Pérez Lijó, envíanos unha reflexión acerca da viabilidade dos Estados nun contexto de fin do crecemento.)

Enrique Pérez LijóDesde a publicación do Manifesto Derradeira Chamada algúns autores teñen apuntado que a crise de civilización á que nos enfrontamos supón por en cuestión os aparellos estatais, sabedores de que a todo réxime político correspóndelle tamén un réxime enerxético. En concreto, ponse no centro da diana as institución políticas nacidas directamente do Estado do Benestar, pois como ben amosan os datos a tal efecto os estados sociais ou do benestar son grandes consumidores de recursos e moi densos en canto a complexidade. O índice da pegada ecolóxica sérvenos para ilustrar as consecuencias do crecemento económico e o seu impacto sobre o planeta, así pois, mentres que a oferta ecolóxica media a nivel planetario non supera as 2’18 hectáreas por persoa e ano, as grandes economías triplican e incluso cuatriplican esta medida. O primeiro posto deste ranking do ecocidio é para Estados Unidos, cuxo exército é o maior consumidor de petróleo do planeta, e a súa pegada ecolóxica ascende a 9’57 hec. por persoa e ano. Sen embargo Europa non se queda atrás. O vello continente amosa resultados realmente escandaloso, pero o que chama máis a atención aínda é que sexan os países escandinavos, aqueles cuxo nivel de benestar e progreso é a envexa de boa parte dos partidos políticos europeos, os que encabecen a lista. Noruega, Suecia e Finlandia presentan unha pegada ecolóxica de 8’17, 7’95 e 7’00 respectivamente, o que quere dicir que cada habitante destes países consume unha cantidade de recursos cada ano equivalente á produción de entre 8 e 7 hectáreas. Cabe salientar que o 50% da pegada ecolóxica do planeta é froito do consumo de enerxías fósiles, e que estes estados non escapan a esta proporción.

Que quere dicir isto? Sinxelamente que o decrecemento non é posíbel baixo as condicións do benestarismo, cuxa condición sine qua non é o crecemento económico e o consumo. Todo un problema se observamos que a reivindicación material centra a atención de grande parte dos sectores descontentos da sociedade.

Se ben o escenario de cara ao discurso do decrecemento mudou nos últimos anos, o que debera ser o eixo central de todas as políticas económicas continúa relegado a un segundo plano, tal e como aconteceu no seu día coas teorías do “desenvolvemento sostíbel”. Tanto ten que os gobernos vistan bandeiras de esquerdas ou dereitas, o elemento central do debate en calquera dos dous casos adoita ser a relación do Estado cos capitais privados e as entidades financeiras, de onde nacen diferentes enfoques da política social. Como primeiro punto nunha intensa orde do día, deberamos conseguir que o decrecemento non remate por ser unha ferramenta comunicativa máis que os partidos empreguen para gañar os votos dun electorado descontento, sen unha implicación real sobre o problema. Algo que xa de por si, pretende facer o Manifesto.

Por outra banda a propia evolución do Estado nestas últimas décadas, baseada na complexización, na centralización e na súa extensión á práctica totalidade dos aspectos da vida social do individuo, trouxo consigo consecuencias devastadoras no que respecta á autosuficiencia (aínda que for parcial) das comunidades humanas tradicionais, asentadas en territorio rural. A sociedade de consumo e o progreso económico creados en paralelo ao Estado de Benestar foron grandes factores de concentración urbana, o que implicaba maior uso de enerxía, ao tempo que deixaba sen relevo xeracional culturas populares próximas á autoxestión e á vida comunitaria desprazando os nosos modelos de vida cara a constitución do Homo Economicus e das sociedades de consumo e da abundancia é dicir: construíron a golpe de adoutrinamento escolar e marketing publicitario un suxeito cuxas aspiracións concordan cos obxectivos do capitalismo actual.

Todxs sabemos que o decrecemento non aporta votos. Que advertir a alguén de que debemos mudar o noso modelo de mobilidade para adecuarnos aos limites ecolóxicos do planeta, ou que non podemos manter cidades hiper densificadas porque abastecelas provoca un gasto enerxético insoportábel, ou que aumentar os postos de emprego na industria é inoportuno… non xera simpatías, e menos nunha poboación que se cada vez máis privada de recursos económicos. Por iso, pregúntome que irán (iremos) facer as candidaturas que facemos noso o decrecemento como alternativa para responder eficazmente ao exercicio de accountability que, abofé, a cidadanía vai levar a cabo no caso de lograr poñer en marcha ese programa decrecentista que tan ben enunciou Florent Marcellesi nun artigo publicado recentemente.

Pode que esta pregunta atope difícil solución no marco da institución-Estado na que vivimos, xa que esta, defínese pola dualidade maioría-desorganizada e minoría-organizada. Unha minoría que ocupa os aparatos do Estado e na que a maioría deposita a lexitimidade e, o que é mais importante, a responsabilidade sobre os asuntos comúns.

Exemplos deste caso podemos observalos en América Latina: A defensa dos ecosistemas de Rafael Correa choca coa realidade de ter que asegurar “condicións de vida dignas” para os habitantes das cidades, e para iso crea unha empresa (Petroamazonas) que arrasa o territorio Yasuní e pon a modelos de vida indíxenas sostíbeis en perigo de desaparición, faino para cobrar mais soldo? para adquirir beneficio? Non. Faino para garantir o aumento do nivel de vida da súa poboación. Algo semellantes pasa na Venezuela, onde o goberno bolivariano so pode costear a súa política social por medio da extracción de petróleo que sustenta o progreso económico chinés e indio.

Por outra banda, tampouco semella que obviar por completo as institucións do Estado como lugar de referencia e lexitimidade para construír realidades políticas diferentes vaia ofrecer froitos, pois de nada vai valer discutir en pequenos círculos ou comunidades un camiño de cara ao decrecemento se non somos capaces de enchelo de soberanía política. Isto podería levar a converternos en cómodos adversarios do crecemento, enfrascados nun discurso posto en práctica unicamente a pequena escala mentres o mundo continúa xirando (e medrando) ao noso redor. Por desgraza, estamos condenados a movernos nun terreo de xogo que non escollemos nós.

Deja tu comentario o adhesión al manifiesto | Leave your supporting comment | Pour signer le manifeste laissez un commentaire | Überlasse dein Kommentar oder Einstimmung mit dem Manifest | Άφησε το σχόλιο σου ή την υποστήριξή σου στο μανιφέστο

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s